Saturday 27 de April de 2024

O BNG de Oleiros levará ao pleno de marzo asuntos relativos á carestía de vivenda protexida no Concello, as vivendas valeiras e o exceso de obra pública


Segundo os datos da federación da construción, Oleiros foi o terceiro Concello da Galiza en importe de obra pública licitado, con 17,4 millóns euros. Por acima de Concellos como A Coruña con 13,34 millóns.

Perguntaremos ao Goberno local se considera que este é un índice ou un síntoma de benestar para a cidadanía. Non é o único xa que tamén temos récords da Galiza en prezo do metro cadrado, desprazamentos diarios de vehículos privados (case todos ocupados por unha soa persoa), vehículos por habitante (taxa de motorización), tempo record de concesión de licenzas e de licenzas, maior densidade de poboación de toda a área metropolitana e da comarca, escasa poboación que traballa no Concello, alta porcentaxe de residencia moi limitada a períodos estivais, predominio absoluto do vehiculo privado tanto en residentes como visitantes, e mesmo o record de piscinas privadas por habitante e polo tanto o que máis auga da comarca consume ao día. Imos tamén camiño de records en gasolineiras e en grandes superficies comerciais nomeadamente na saturada parroquia de Perillo.

Existencia de contactos coa Xunta para abordar a eiva de vivenda protexida
O Alcalde de Oleiros anunciou recentemente que xa hai “un promotor interesado nas tres parcelas municipais” sacadas a concurso a principios deste ano 2024, polo que finalmente se construirán 54 vivendas protexidas máis neste concello. Todo axuda, mais estas novas 54 vivendas no van paliar as necesidades de vivenda protexida no Concello.
Perguntaremos no pleno pola existencia dalgún contacto coa Xunta ou dalgunha acción concreta da administración autonómica de cara a necesaria promoción de vivenda protexida.
Necesidade de adicar á vivenda valeira existente para crear vivenda protexida
Segundo recentes estudos do INE do 2023, Oleiros ten 3.555 vivendas valeiras sobre as 19.268 que contabiliza o devandito estudo, un 18,4% do total. É un incremento de catro puntos con respecto ao 14,4% existente no 2011. Coincide, por certo cun importante incremento da concesión de licenzas para novas vivendas.
Perguntaremos ao Goberno local se teñen pensadas políticas encamiñadas a fomentar o alugueiro social ou a vivenda protexida tirando proveito desta bolsa de vivendas valeiras

Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas sobre temas que afectan á cidadanía, entre elas:
Necesidade de continuarmos coa acaída normalización lingüistica no Concello
No rueiro do Concello aínda conviven nomes de Rúas deturpadas como a Rúa da Flauta. Como se pode comprobar acudindo ao dicionario da RAG, ese nome non existe máis alá dun uso castrapizado da lingua. Seguimos tamén vendo día si e día tamén cartaces de obras de concesionarias en español.
O BNG solicitará ao goberno local que muden o nome desa rúa, ficando Rúa da Frauta, adaptándoo ao artigo 22 da ordenanza de normalización lingüística aprobada no 2004 polo Concello de Oleiros. E que faga cumprir as concesionarias esa mesma normalización lingüística.
Necesidade dun espello que facilite a incorporación na Rúa Rosalía de Castro
Na até non hai moito conxestionada, polas interminábeis obras do Sol y Mar, Rúa Rosalía de Castro áchase en falla un espello á altura do Stop no final da mesma para facilitar a incorporación dos vehículos.
Pediremos ao Concello que considere esta situación.